Ver aves en Lugo e arredores

A cidade de Lugo dispón na ribeira do Miño dun lugar fantástico para a observación non só de aves senón de natureza en xeral.

A ruta que propoñemos é ideal para facer unha iniciación á observación de aves, tanto para nenos como para adultos, ó pé da casa, sen necesidade de moitos preparativos, un día calquera pola tarde despois dos colexios ou do traballo, ou unha mañá da fin de semana.

O punto de reunión para comezar a camiñada é a Piscina Municipal As Pedreiras (rúa Benigno Ledo).
Vista aérea da ruta para ver aves en Lugo










Dende aquí seguiremos a ruta botánica do Campus Universitario atravesando unha carballeira e percorrendo os espazos abertos da valgada. Neste tramo coñeceremos aves como o pombo, o gabeador común, a lavandeira branca, o xirín, o ferreiriño azul, o corvo pequeno.

Cruzaremos a estrada nacional polo paso elevado para logo camiñar á beira do río. Aquí admiraremos o voo pausado do miñato negro, as piruetas no aire da anduriña común, o canto alegre do xílgaro, as pasadas rozando a auga da anduriña das barreiras.

Na xesteira escoitaremos centos de voces de paxaros como a azulenta, a papuxa das amoras, a folosa amarela, o tordo común, o merlo.

Xa no parque da Tolda rodearemos a pequena lagoa na desembocadura do río Rato e avistaremos o lavanco, a cerceta común, a garza, o picapeixe, o merlo rieiro e cun pouco de sorte tamén asistiremos ós xogos acuáticos dun mamífero: a lontra.


Parella de Pombos (Columba palumbus)
Ven e descubre a canción desta simpática pomba
Foto: ferran pestaña via photopin cc
Xílgaro (Carduelis carduelis)
A que xa intúes por qué nalgúns sitios me chaman "colorín" ?
Foto: ahisgett via photopin cc
Lavandeira branca (Motacilla alba)
Aquí, axudando a controlar os insectos deste céspede
Foto: PedrO VedrA via photopin cc
Picapeixe (Alcedo atthis)
Vaste sorprender vendo como pesca este pequeno paxariño
Foto: rjime31 via photopin cc
Lontra (Lutra lutra) e Garzota grande (Casmerodius albus) no río Miño (pincha na foto para ampliar)
Foto: Ven Ver aVes
Macho de Lavanco (Anas platyrhynchos)
O mais simpático e confiado dos parrulos da lagoa
Foto: Ven Ver aVes