xoves, 16 de marzo de 2017

Y volvieron las oscuras golondrinas...

¡ Qué alegría ! Esta semana volveron as andoriñas á aldea.
Non é unha sorpresa, todos os anos o fan, pero para min non deixa de ser un acontecemento precioso e moi esperado.
Xa na antiga Grecia se consideraban mensaxeiras da primavera.
Nesta época os campos e montes están cheos de cantos de paxaros, pero os sons das anduriñas (tui-tui-tui) sobrevoándote en bandada son algo especial.

andoriña voando baixo sobre un prado
As andoriñas cando cazan insectos adoitan voar bastante baixo

O título fai referencia aos coñecidos versos de Bécquer "Volverán las oscuras golondrinas de tu balcón sus nidos a colgar...".
O curioso é que posiblemente as andoriñas ás que se refería o poeta non eran estas.

¿E iso?

As andoriñas comúns (Hirundo rustica) fan o seu niño habitualmente no interior de cuadras, palleiras, naves de gando. De feito, en inglés chámanlle "barn swallow" , ou sexa, a anduriña das cuadras ou das palleiras.
O niño é como unha cunca, aberto por riba, feito de pegotes de lama e herbas mesturadas, e está apoiado sobre algunha estructura (unha trabe, un tubo da luz ou da calefacción, etc.)

niño de andoriña común con adulto e polos
O interior dun garaxe tamén serve para criar unha fermosa rolada

Os paxaros que fan uns niños semellantes aos de anduriña común pero no exterior, baixo os balcóns ou nas cornixas das casas, son as andoriñas de cú branco (Delichon urbicum), o que se chama "avión común" en castelán.

tres andoriñas de cú branco voando sobre auga e collendo pegotes de lama
Andoriñas de cú branco collendo pegotes de lama para facer o niño
O niño da andoriña de cú branco non é aberto por riba, está pegado a un teito, e só deixa unha pequena abertura de servizo.
E estes eran os que vía o poeta. Bécquer escribía ben, e era observador, pero non era ornitólogo.

niño de andoriña de cú branco baixo unha cornixa de madeira
Este é un niño de andoriña de cú branco
A verdade é que o costume da andoriña común de aniñar nas nosas construccións fixo que se extendera xunto coas poboacións humanas, ata o punto de converterse na especie de anduriña con máis ampla distribución de todas as especies de andoriñas que existen (máis de 80 especies na familia das andoriñas, os Hirundinidae)

O azul é a área de invernada e o amarelo a zona de reproducción

A andoriña é unha "máquina" de devorar insectos.
Esa cola longa que ten axúdalle a facer unhas maniobras áxiles e rápidas para capturar as súas presas (moscas, mosquitos, pulgóns, formigas voadoras, avespas, chinches, pequenos escarabellos) que caza voando relativamente baixo en áreas abertas (prados, matos, cultivos, superficie de ríos e lagoas).

unha andoriña común pousada e coa boca amplamente aberta
A andoriña actúa como insecticida biolóxico

O seu pequeno peteiro dá paso a unha enorme boca que constitúe un "atrapa-insectos" perfecto.
Unha soa andoriña captura uns 60 insectos por hora, o cal fai uns 150 gramos por día. E iso ao final do ano supón uns ¡¡55 quilogramos!! de insectos consumidos.
Vaia, un auténtico insecticida biolóxico.
Gratis.
Imaxina o valor que tería iso se tivésemos que pagar por esa función.

A cola non só é importante para as maniobras aéreas da andoriña.
As femias prefiren aparearse con aqueles machos que teñen as plumas longas da cola máis grandes e máis simétricas.
Esas características, lonxitude e simetría, parecen ser indicadores da saúde e do estado de forma dun individuo.

O feito de que se alimente de insectos fai que sexa ben vista pola xente. As supersticións que existen en diferentes culturas arredor deste paxaro e dos seus niños foron elaboradas para a protección desa función "insecticida".

Nas aldeas dinche que os niños de andoriña "non se poden desfacer" porque "trae mala sorte".
Xa o di o refrán, "Amigo polo seu proveito, andoriñas no teito".
No respecto por esta ave tamén se mestura a relixión, porque tamén che din que é un paxaro que lle quitou a coroa de espiñas ao Noso Señor, daí a cor vermella da su gorxa.
Nas Illas Británicas existe a crenza rural de que destruir os niños nunha corte vai facer que as vacas deixen de dar leite, ou que van dar leite con sangue, ou que as pitas deixen de poñer ovos.

Xa na antiga Roma era ilegal matalas, recoñecíase o seu valor de consumidor de insectos e o beneficio que iso tiña para os agricultores.
Tamén axudaba que os romanos identificaron as andoriñas cos seus deuses protectores do fogar (os deuses Penates), e claro, ninguén quería ofender aos deuses facéndolle mal á súa representación.

En épocas máis recentes, no século XIX, as andoriñas eran unha das especies usadas para fornecer de plumas vistosas á próspera industria dos toucados e sombreiros, principalmente de señoras.

sombreiros e toucados de muller con plumas de aves
Algúns toucados incluso levaban paxaros completos

As plumas negras brillantes do lombo e as longas plumas da cola eran moi apreciadas.
Cazábanse miles de individuos, non só de andoriñas senón tamén de garzas, garzotas e outras especies que tiñan algunha pluma destacada e vistosa, tan só para satisfacer as ansias diferenciadoras das clases altas da sociedade.
En Norteamérica matábanse 5 millóns de aves silvestres cada ano para estes fins.
No ano 1886 un ornitólogo estadounidense foi capaz de identificar 37 especies diferentes de aves cuxas plumas, alas, colas, cabezas ou corpos enteiros adornaban os sombreiros de señoras que paseaban por Manhattan, o centro da moda naquela época.
E resulta que a oposición a esa matanza de andoriñas e outros paxaros conducíu á creación, a finais do século XIX, das primeiras sociedades para a conservación da Natureza nos Estados Unidos de América. A primeira Sociedade Audubon fundouse no 1886 para protexer as aves silvestres contra a industria dos tocados.
Hoxe en día, a Sociedade Audubon  aínda se dedica á conservación das aves, da vida silvestre e dos ecosistemas.

Por sorte, hoxe non se cazan aves silvestres para estas cousas. Porén, a andoriña actualmente afronta outros problemas:

• o uso indiscriminado de plaguicidas que disminúe os insectos disponibles
• a destrucción dos niños porque ensucian
• a dificultade para aniñar nas novas construccións rurais
• o abandono da zona rural que conleva a ruina de moitas edificacións
• a destrucción do hábitat nos seus lugares tropicais de invernada

Protagonistas do folclore popular e lendas relixiosas.
Representación da liberdade e da esperanza, e tamén da nostalxia.
Protectoras do fogar.
Aliados insecticidas dos nosos cultivos e gando.

Todas estas son moi boas razóns para respectar e admirar a andoriña común.

adulto de andoriña alimentando a un polo sobre un cable
Voadora incansable, a andoriña común apenas se pousa para alimentar os polos

"Cando as doces anduriñas,
baixo un aleiro pousadas,
descansan do seu camiño,
en busca da ardente África;
as amantes viaxeiras,
co pico baixo da ala,
naquel garrido silencio,
¿en qué pensan?-na súa patria"

Pondal, Queixumes dos pinos

Créditos das fotos:
Andoriña común voando: Dan Bowes swallow in flight via photopin (license)
Niño de andoriña común: dhobern Hirundo rustica via photopin (license)
Andoriñas de cú branco voando: ajmatthehiddenhouse 123076-IMG_2253 House Martins (Delichon urbica) via photopin (license)
Niño de andoriña de cú branco: ajmatthehiddenhouse 123076-IMG_2911 House Martin (Delichon urbica) Nest via photopin (license)
Mapa distribución da andoriña común:
Andoriña común pousada: By Charlesjsharp - Own work, from Sharp Photography, CC BY-SA 4.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=38704934
Sombreiros de época victoriana: Shorpy Historical Photo Archive :: Sisters: 1895. Victorian Millinery
Andoriña adulta alimentando a un polo: Deanster1983 who's mostly off for a while a href=httpwww.flickr.comphotos33465428@N0228911875631Swallows (Hirundo rustica), juvenile being fed by parenta via a href=httpphotopin.comphotopina a href=httpscreativecommons.orglicensesby-nd2.0(license)a

Ven Ver aVes

Xoán Puente

Son guía de Sendeirismo Ornitolóxico. A miña misión é axudar a persoas amantes da natureza a mellorar o seu benestar a través da observación de aves en liberdade . Considero que o contacto coa natureza é vital para o teu desenvolvemento pleno e necesario para que desconectes do estrés da túa vida cotiá

0 comentarios :

Publicar un comentario