luns, 28 de decembro de 2015

Aquí está a ave que che fará sorrir durante os teus paseos no inverno de Lugo

Pois si. Unha ave que che vai facer sorrir.

E coa que está caendo, que estamos todos agobiados coa crise, coa política,... Parece un bo plan, que alguén ou algo nos saque un sorriso.

E en Lugo, que co frío que fai....como para sorrir e que se che conxelen os dentes ou a língua. Aínda que este ano a cousa está un pouco diferente, non acaba de chegar o inverno.

Ben, imos á ave, que é o que interesa. Trátase da cerceta común.

A min o que me pasa é que sempre que as vexo (en plural porque é raro ver unha soa, sempre hai un grupiño delas) debúxaseme un sorriso na cara. Mirar un pouco para elas xa me alegra o día.

E iso?
Pois verás, a cerceta común é un pequeno parrulo que polas súas cores e polos seus rápidos movementos dun lado para outro na auga sempre me lembrou a un patiño de goma movéndose na bañeira ou aos patiños dos debuxos animados

infografía de cerceta común con características diferenciadoras de machos e femias
É moi fácil diferenciar os machos e as femias de cerceta común



Como podes ver na infografía, a cerceta leva por nome científico Anas crecca.

Foi o coñecido Linneo quen lle deu nome e a describíu científicamente alá por mediados do século XVIII.

E ese nome "crecca" que lle deu é unha onomatopea que ven significar algo así como "pato que fai cric", cousa que podes comprobar neste audio



A esta cerceta tamén lle chaman nalgúns lugares de Galicia "charneco" e "parreco"

¿Que onde as podes ver aquí en Lugo?

Ben, as cercetas son parrulos. Entón vas ter que baixar ao río. E na pequena "lagoa" que hai na Tolda, xusto onde o río Rato desauga no Miño, alí é onde se concentran as pequenas cercetas.

Un consello: a cerceta é un pato bastante activo no anoitecer, polo que se te achegas á Tolda cando está caendo a noite vas poder admirar o seu comportamento, as súas voces, como buscan alimento incansablemente entre a vexetación e a lama das beiras, como pelexan as veces algúns machos.
Ademais, ese momento do luscofusco é moi bo para escoitar a sinfonía de cantos de todos os paxaros que hai na zona.





Ven Ver aVes

Xoán Puente

Son guía de Sendeirismo Ornitolóxico. A miña misión é axudar a persoas amantes da natureza a mellorar o seu benestar a través da observación de aves en liberdade . Considero que o contacto coa natureza é vital para o teu desenvolvemento pleno e necesario para que desconectes do estrés da túa vida cotiá

0 comentarios :

Publicar un comentario