mércores, 18 de novembro de 2015

Unha pequena ave invernal que debuxa acrobacias nas árbores

Dende este mes de novembro ata o comezo da primavera podes observar nos campos o pincaouro ou úbalo, un pequeno paxaro da familia dos frinxílidos (a mesma que inclúe outras aves ben coñecidas coma o xílgaro ou o canario).

Infografía sobre o úbalo onde se ven as diferencias entre ambos sexos
Características do úbalo e diferencias entre sexos

Este úbalo é un verdadeiro acróbata que se pendura cabeza abaixo das pequenas piñas de ameneiro e bidueira para extraer as sementes con ese peteiro longo e puntiagudo especializado nese labor.

Unha parella de pincaouros ou úbalos están comendo sementes das piñas dunha bidueira
Macho e femia de úbalo comendo as súas sementes favoritas durante o inverno


Se paseas pola beira do Miño, polo parque da Tolda ou incluso polo parque de Rosalía, todo isto na cidade de Lugo, podes ver algún individuo ou con sorte algunha bandada de varias ducias destes paxariños.

Non é un gran coñecido polo público xeral, a diferencia de aves como o paporrubio ou o merlo.

Aínda así recibe nomes variados no noso territorio, como o de pincaouro (por esas "pincas" ou pintas de cor amarela nas alas), úbalo (moi semellante á denominación de úvalo que lle dan en Asturias), tamén lle dín verdín (aínda que en Lugo tamén teño escoitado este nome para outra especie próxima, o xirín), ou o nome castelán lúgano.

Créditos:
Infografía: venveraves.com sobre fotos de Slawek Staszczuk
Parella de úbalos alimentándose nunha árbore: Siskins via photopin cc

Ven Ver aVes

Xoán Puente

Son guía de Sendeirismo Ornitolóxico. A miña misión é axudar a persoas amantes da natureza a mellorar o seu benestar a través da observación de aves en liberdade . Considero que o contacto coa natureza é vital para o teu desenvolvemento pleno e necesario para que desconectes do estrés da túa vida cotiá

0 comentarios :

Publicar un comentario