mércores, 30 de setembro de 2015

Celebra o Día das Aves 2015 en Sarria e Lugo

Todos nós, ti tamén, cruzámonos a diario con distintas especies de aves, nas nosas actividades na cidade ou na vila, traballando no campo, cando imos conducindo, cando estamos de vacacións,...

Pero a pesar desa convivencia, ou precisamente a causa dela, as aves son moi descoñecidas para a maioría das persoas. Xa sabes, moitas veces non reparamos nas cousas habituais ..... ata que desaparecen.

Para axudar a darlles visibilidade ás aves e de paso coñecer os problemas que as ameazan, celébrase cada ano o Día das Aves na primeira fin de semana de outubro.

Cartel anunciando unha camiñada ornitolóxica en Sarria e Lugo para celebrar o día mundial das aves 2015


Pero tamén se trata de que ti o pases ben descubrindo esa gran variedade de aves que viven preto da túa casa. Hai moitas máis cousas á parte de pombas, corvos, pardais e pegas.

E esta fin de semana é unha boa oportunidade para que o comprobes.


Unha estreliña riscada ou reyezuelo listado pousado nunha pequena póla
Nos parques das cidades podes observar un dos paxaros máis pequenos de Europa, a estreliña riscada


Se vives na cidade de Lugo (3 de outubro) ou na vila de Sarria (4 de outubro), terás oportunidade de acompañarnos nun percorrido guiado no que vas descubrir un fascinante mundo de cores, de sons, de comportamentos, de nomes sonoros, que fará que desde ese momento percibas os entornos urbanos de distinta maneira.

Faremos unha saudable camiñada de baixo esforzo físico, entre 3 e 4 quilómetros, a partir das 9.30 horas, na que veremos e escoitaremos aquelas aves que saian ó noso camiño.

Trata de traer os teus propios prismáticos aínda que sen eles tamén podes facer moi boas observacións.

Vente preparado con roupa e calzado axeitados porque, aínda que estes días están bós, parece que algo cambia o tempo para a fin de semana.

Ven descubrir a biodiversidade que vive contigo e as razóns para conservala

Porque queremos unhas zonas urbanas máis verdes,



Logo tipo de Ven Ver aVes, senderismo ornitolóxico e interpretación ambiental



Ven Ver aVes

Xoán Puente

Son guía de Sendeirismo Ornitolóxico. A miña misión é axudar a persoas amantes da natureza a mellorar o seu benestar a través da observación de aves en liberdade . Considero que o contacto coa natureza é vital para o teu desenvolvemento pleno e necesario para que desconectes do estrés da túa vida cotiá

0 comentarios :

Publicar un comentario