venres, 20 de febreiro de 2015

Rabirrubio, xirín, lavandeira real, bilurico das rochas e máis aves en Lugo

Estes nomes tan fantásticos son os dalgúns dos paxaros que avistamos na última ruta para ver aves en Lugo que fixemos cos alumnos de Cuarto Ciclo da Universidade de Santiago

Grupo de alumnos de Cuarto Ciclo observando aves con prismáticos no río Miño en Lugo
Grupo de alumnos de Cuarto Ciclo observando aves na beira do río Miño en Lugo

Desta vez, no inicio do percorrido, na carballeira do Campus, non había tanto movemento como en anteriores rutas.  É o que ten a observación de aves, que non están sempre cando queremos.

As aves que si estaban, e xa os vimos dende o principio, eran os pombos. Estivemos escoitando durante un tempo a súa canción característica. Estes días, noutros lugares de Lugo xa teño visto o peculiar voo do macho que anuncia a inminencia do período reproductor: uns fortes e sonoros aleteos que o impulsan cara o alto nunha parábola, logo deixa de bater as alas e cae planeando coas alas cara arriba.

Pouco a pouco na carballeira e nos seus bordes xa fomos vendo as pequenas aves que sempre son un pouco máis difíciles de identificar para os principiantes do "birdwatching": os ferreiriños azuis, rabilongos e comúns.

Tamén nun tellado apareceu un pequeno paxaro grisáceo que non tivemos a sorte de observar nos outros dous grupos do Cuarto Ciclo: trátase do curroxo ou rabirrubio. A súa posición a contraluz dificultaba a súa identificación. Pero aí démonos conta do importante que é movernos con coidado para que detrás do paxaro observado coincida un fondo oscuro (neste caso un tronco de castiñeiro) o cal nos vai facilitar a observación. Procedendo así, e xunto coa paciencia que tivo o paxaro que aguantou un montón de tempo con nós a escasos 20 metros, puidemos ver a cor laranxa da súa cola que facía vibrar de xeito nervioso, e xa nos confirmou que se trataba dunha femia desa especie.

Rabirrubio común femia pousado sobre unha pedra
A femia de rabirrubio é de cor parda-grisácea e coa cola laranxa

Na parte alta da valgada tratamos de perseguir cos prismáticos a unhas estreliñas riscadas que se escondían entre as follas dos cedros e tamén andaba por alí o pequeno carrizo.

Pero a alegría do día foi ver o precioso xirín (ou verdín, como xa teño escoitado en varias ocasións en Lugo), e escoitar o seu vibrante e musical canto que xa anuncia a primavera. Este é o máis pequeno dos frinxílidos, familia de paxaros que inclúe outras especies como o verderolo, o pimpín, o xílgaro ou o picaouro que vimos o outro día.

Un xirín cantando sobre unha pequena póla
Xirín ou verdín cantando sobre unha póla

No río miramos como sempre para os lavancos, os  corvos mariños e as garzas, algunha delas máis confiada que de costume o cal nos permitíu observala con máis calma.

A última hora da tarde, o escenario musical de aves estaba dominado polo paporrubio e polo tordo común.



Se escoitaches esta grabación da canción do tordo común, podes fixarte que no segundo 38 e no 1 minuto e 20 segundos irrumpe o canto explosivo doutro paxaro que tamén fomos capaces de detectar esta tarde na beira do río Miño, pero que non conseguimos ver porque case sempre se oculta na vexetación da ribeira. Trátase do rousinol bravo. Volve escoitar a grabación xa verás como é inconfundible.

Un rousinol bravo pousado nunha póla dun arbusto
Pardo-rubio nas partes superiores e unha cella pálida son características identificativas do rousinol bravo

No final da ruta, onde o Rato desemboca no caneiro da Tolda, puidemos ver varias lavandeiras reais, tan elegantes co seu corpo cincento e amarelo.

Unha lavandeira real no chan entre as herbas
O hábitat da lavandeira real é un espazo aberto ligado a ríos

E tamén, a tres metros de nós, un tranquilo bilurico das rochas, picoteaba comida entre as herbas na beira da auga.

Un bilurico das rochas camiñando no fango
Bilurico das rochas ou bilurico bailón

Rematamos a xornada cunha foto do fantástico grupo que hoxe me tocou de introducir á afección da observación de aves.

Grupo de alumnos de Cuarto Ciclo na Tolda do Miño
Parece que rematamos contentos a excursión para ver aves

Foron case que tres horas de ameno paseo e charla, con numerosas preguntas porque todos temos algunha que outra experiencia ou anécdota relacionada co mundo das aves.

O mellor de todo é que con esta sinxela actividade na natureza algúns dos participantes descubriron que observar aves silvestres, no seu medio natural, como por exemplo os lavancos, é moi diferente e moito máis divertido que ver os patos que hai nos estanques dos parques das cidades. Ou que se prestamos un pouquiño de atención somos capaces de distinguir moitos cantos de aves e moitas outras cousas naturais fermosas que normalmente nos pasan desapercibidas porque camiñamos sen atender á natureza que nos acompaña.


Xirín: Verdecillo via photopin cc
Rousinol bravo: Cetti's Warbler - Cettia cetti via photopin cc
Lavandeira real: Winter Friend via photopin cc
Bilurico das rochas: Walking via photopin cc

Ven Ver aVes

Xoán Puente

Son guía de Sendeirismo Ornitolóxico. A miña misión é axudar a persoas amantes da natureza a mellorar o seu benestar a través da observación de aves en liberdade . Considero que o contacto coa natureza é vital para o teu desenvolvemento pleno e necesario para que desconectes do estrés da túa vida cotiá

0 comentarios :

Publicar un comentario