Nesta nova excursión con alumnos de Cuarto Ciclo da Universidade de Santiago ós que introducimos na arte do "birdwatching" ou observación de aves silvestres, tivemos a sorte de ver algo máis que aves: unha lontra que nos sorprendía cando estabamos na beira do río, facendo cabriolas na auga ben cerquiña de nós.
![]() |
A lontra é un mamífero precioso que podemos observar en Lugo |
Pero iso ímolo contar máis adiante.
Nesta saída á ruta para observar aves en Lugo comezamos como sempre por aprender a adaptar os prismáticos á visión de cada un, para poder ter unha experiencia satisfactoria de observación de aves. E para practicar prestóusenos moi ben unha lavandeira branca que andaba entre os coches do aparcamento.
Metidos xa na carballeira conseguimos ver pombos e pegas, estas últimas xa andan tomando medidas para os seus niños na parte máis alta das árbores.
"Es máis inquedo que a cola dunha pega"
Deste dito lembrouse Conchita cando víu o rápido que se desprazaba unha pega no chan, movendo continuamente a súa cola produto da excitación da busca de comida e da nosa presenza tamén.
Os merlos, como sempre, rebuscando miñocas entre as follas caídas no chan. Puidemos facer unha boa observación deles e aprendemos a diferenciar os machos das femias pola cor da súa plumaxe e do seu peteiro.
Este merlo con plumaxe de cor negra acibeche é un macho |
Estabamos atendendo ós merlos cando chegou un ferreiriño azul que non paraba de moverse buscando insectos nas grietas da corteza das árbores, entre os musgos e liques que tapizan os troncos e pólas. Ademáis moitas veces estaba a contraluz e aí o noso ollo non é capaz de percibir as cores, só vemos a silueta e iso dificulta a identificación. Finalmente conseguimos ver o amarelo das partes ventrais e o azul cobalto brillante da súa cabeza e así quedounos claro de que paxariño se trataba.
¡ A observación e identificación de pequenos paxaros nas copas das árbores é máis difícil que a de merlos e pombos no chan !
![]() |
O ferreiriño azul ten un peteiro diminuto e un capirote azul cobalto |
A continuación apareceu un gabeador común, é como un ratiño que comeza a subir por un tronco de carballo, dende a súa base desprázase cara arriba en espiral, o cal dificulta a súa observación. A contraluz puidemoslle ver o peteiro longo e curvado identificativo desta ave insectívora que tamén busca comida incansablemente sobre os troncos.
![]() |
Gabeador común "gabeando" por un tronco apoiándose nas plumas da súa cola |
Houbo un momento en que non dabamos atendido a tanto paxaro, porque a este gabeador xuntáronse uns paporrubios, unhas estreliñas riscadas, uns pombos e tamén un par de ferreiriños rabilongos. Estes últimos buscan a súa comida nas puntiñas das pólas das árbores, onde están as xemas, e de vez en cando fan unha pequena acrobacia no aire para capturar algún pequeno insecto voador que nós non somos capaces de ver.
Tamén apareceu o ferreiriño común, que Carmen describíu como un paxariño que leva unha gravata negra, e como podes ver na foto acertou moi ben coa súa descrición.
![]() |
Cabeza negra, cara branca, peito amarelo con gravata negra...non hai dúbida, é un ferreiriño común |
"Pola Candelaria casan os paxariños"
Así nos lembrou Carmen a proximidade do 2 de febreiro, día da Candelaria, en que segundo as tradicións populares os paxariños emparellan e prepáranse para criar.
Dende a pasarela estivemos observando aves como os lavancos, os corvos pequenos e tamén a lavandeira real.
Xa na beira do río, escoitamos o chasquido característico da papuxa das amoras, escondida ela nas hedras que cobren os troncos das árbores. Este sonido é unha voz de alarma que emite cando detecta unha posible ameaza, e nós, aínda que non queiramos, somos iso para ela.
Dende a beira estabamos a mirar para os corvos mariños descansando nas árbores cando a uns 30 metros de nós unha onda extraña na auga púxonos en alerta, prestamos atención e de repente...... ¡apareceu a lontra!
A verdade é que foi unha observación fugaz, uns 10 segundos, pero alí estaba.
Afastouse buceando e xa non a vimos máis.
A presenza deste mamífero carnívoro considérase tradicionalmente como un indicador dunha boa calidade da auga, feito que aquí en Lugo tamén se ve reforzado pola presenza de aves como o merlo rieiro e o picapeixe.
A seguinte ave que conseguimos observar foi unha garza real, pero esta é bastante asustadiza e marchou voando antes de que a puideramos ver con calma.
![]() |
A garza real é unha ave que caza peixes e rás na beira do río |
Con pouca luz e xa cerca do final da ruta, vimos unha parella de patos mandaríns, na outra beira do río, inmóbiles e tratando de pasar desapercibidos, tarea case que imposible para o macho con esa plumaxe tan bonita e colorida.
Femia e macho de pato mandarín |
Rematada a ruta como sempre na desembocadura do río Rato, volvemos con calma e fomos falando de como os nenos antes vivían máis en contacto coa natureza e coñecíana mellor.
Así Carmen contábanos como de pequena recoñecía moitos paxaros e sabía onde aniñaban e como eran os niños dun paxaro ou doutro. Explicounos que o carrizo fai un niño globoso, con musgos e liques, con un buratiño para entrar, e que os nenos antes de meter a man para coller os ovos (si, en zonas rurais algunhas niñadas caían víctimas dos cativos) primeiro metían un pao non fose que estivese dentro a delonciña, á que lle gustaba moito comer os ovos dos paxaros.
A actividade desta tarde fíxonos retornar ó pasado, a unha nenez na que viviamos máis proximos á natureza.
Unha actividade sinxela e divertida como a observación de aves é capaz de levarnos a outros tempos e de descubrirnos recordos que estaban almacenados e perdidos nalgún lugar da nosa memoria.
![]() |
Observando aves na ribeira do Miño en Lugo |
Créditos das fotos:
Lontra: pensive lutra via photopin cc
Ferreiriño azul: blue tit via photopin cc
Gabeador común: Grimpereau des jardins 3 via photopin cc
Ferreiriño común: IMG_0694 via photopin cc
Garza real: garza real 03 - grey heron (pose) via photopin cc
Ferreiriño azul: blue tit via photopin cc
Gabeador común: Grimpereau des jardins 3 via photopin cc
Ferreiriño común: IMG_0694 via photopin cc
Garza real: garza real 03 - grey heron (pose) via photopin cc
0 comentarios :
Publicar un comentario