martes, 27 de xaneiro de 2015

Observando aves en Lugo con alumnos de Cuarto Ciclo da USC

Esta semana tivemos unha saída ó campo co primeiro grupo de alumnos da materia "Biodiversidade e Conservación" do Cuarto Ciclo da Universidade de Santiago. E a verdade é que tivemos bastante sorte co tempo, porque a predicción era bastante mala. Apenas nos caeron catro gotas, iso si, a tarde estaba gris e fría pero nada mellor que un exercicio sinxelo como é a observación de aves en ruta para escorrentar o frío.
Grupo de alumnos de cuarto ciclo da USC na ruta para ver aves en Lugo
Alumnos de Cuarto Ciclo observando aves na desembocadura do Rato no parque de A Tolda (Lugo)

Aínda que poida parecer que o inverno non é unha boa época para practicar esta actividade tan sana como é o "birdwatching" ou observación de aves, para min é unha época fantástica para observar aves forestais, porque cando as árbores teñan folla xa vai ser máis difícil ver eses pequeniños paxaros como as estreliñas, ou os picafollas, que buscan insectos incansablemente dentro das copas das árbores.

A camiñada que realizamos percorre parte da ruta botánica do Campus de Lugo, ruta que abrangue máis de 34 hectáreas de terreo onde están representadas máis de 200 especies de árbores e arbustos tanto autóctonos como alóctonos, unha mostra importante de biodiversidade vexetal nesta provincia.

Se pinchas neste primeiro enlace podes acceder ó mapa interactivo e fichas das especies da flora leñosa do Campus de Lugo e se o fas neste segundo enlace podes descargar o documento da Ruta Botánica polo Campus de Lugo

Pinsapo con cartel explicativo en la ruta botanica del campus de Lugo
Exemplar de abeto pinsapo no Campus de Lugo


Nesta ruta para observar aves en Lugo visitamos diferentes hábitats que nos permiten a observación dunha interesante diversidade de aves, dende aves forestais ata aves acuáticas.

Comezamos no pequeno bosquete de carballos e castiñeiros que hai por baixo da biblioteca Intercentros, onde os pombos, merlos, pegas, paporrubios, estreliñas riscadas e pombas domésticas permitíronnos familiarizarnos coas particularidades da actividade: o manexo dos prismáticos, a localización dos paxaros en movemento polas árbores, a comparación de tamaños, a idenficación das primeiras voces,...

Unha pega camiñando nun parque en Lugo
Pega rabilonga "desfilando" diante da cámara
Un pombo camiñando nun parque en Lugo
O pombo adulto ten unhas manchas brancas no pescozo

Unha estreliña riscada pousada nunha pequena póla
A estreliña riscada é un incansable consumidor de insectos


Na transición do bosquete cara os espazos abertos da valgada da facultade de Veterinaria fomos quen de identificar corvos pequenos, lavandeiras brancas e tamén algún picafollas que buscaba insectos en exemplares aillados de carballos americanos e nogueiras.

un picafollas común pousado nunha póla dunha árbore
O picafollas común é unha ave fácil de ver nesta ruta


Un par de ferreiriños negros nun arbusto e un grupiño de ferreiriños rabilongos no alto dunhas bidueiras puxeron a proba a nosa habilidade para observar paxariños que non paran de voar frenéticamente dunha póla a outra.

Un ferreiriño rabilongo pousado nunha pequena póla
Este paxariño con esa cola tan longa é o Ferreiriño rabilongo


Xa na beira do río desfrutamos mirando para o corvo mariño grande, que se deixa arrastrar pola corrente das augas ata que se sorprende coa nosa presencia e entón inicia o seu despegue impulsándose non só coas alas senón tamén cos golpetazos que dá na superficie coas súas palmeadas patas negras.

A certa distancia distinguimos uns 30 individuos desta especie pousados nuns carballos grandes, ocupando cada un a súa posición para pasar a noite.


Un cormorán grande en la superficie del agua
O corvo mariño grande pasa o inverno en grandes ríos como o Miño


Durante o paseo sempre hai tempo para ir comentando anécdotas, algunhas delas referidas ás aves, outras ós lugares por onde camiñamos. É o bó de traballar coa xente do Cuarto Ciclo, que non só ti lles explicas cousas senón que eles tamén te enriquecen coa súa experiencia. Así por exemplo, Aniceto lembrou cando de pequeno cruzaba o río a pé con seu pai para comer tortilla na illa que hai na altura da Tolda; ou Carmen que comentou como unha vez descubríu unha curuxa atacando as súas pitas; ou como Gloria comparou o paso de dous lavancos voando con uns "bombarderos despegando", unha simpática comparación; ou David que quería saber como era a papuxa que se comía antigamente na afamada empanada de papuxa da comarca de Monforte (costume que afortunadamente xa desapareceu); e Carmen que comentou que unha garza comía os peixes do estanque do xardín de seu viciño; e Jesús que nos relatou o comportamento que observou nun corvo pequeno, que agardaba a que un merlo sacase as miñocas do chan para logo roubarllas; e Juan que hai anos criou uns polos abandonados de corvo mariño ata que marcharon voando...

camiño entre árbores na beira do río Miño en Lugo
Camiño que leva pola ribeira do Miño ata o parque de A Tolda


Camiñando entre ameneiros (os poucos que aínda sobreviven ó ataque do fungo Phytophthora alni ), salgueiros e carballos descubrimos a importancia que teñen as hedras que revisten os troncos desas árbores na ribeira, xa que os seus pequenos froitos que agora están maduros supoñen unha importante fonte de alimento para aves como a papuxa das amoras, os merlos, os tordos.

Unha hedra chea de froitos maduros
Os froitos da hedra están maduros dende finais de inverno ata mediados da primavera


un macho de papuxa das amoras pousado nunha póla
A papuxa das amoras come insectos e tamén froitos como os da hedra


Precisamente ó pe dunha destas árbores descubrimos un "yunque" de tordo común, un lugar duro (pedra, tronco, chan) onde este paxaro golpea os caracois ata romperlles a cáscara e extraer a súa vianda, igualiño que facemos nós cando comemos marisco.

Restos de caracois comidos por tordo común sobre un tronco cortado
"Yunque" de tordo común sobre unha cepa de ameneiro


Finalmente chegamos á zona da pequena lagoa que se forma na desembocadura do río Rato. Alí miramos para os abundantes lavancos, un par de garzas reais e a sorpresa agradable da tarde: unha bandada de 50-60 picaouros, unha ave forestal da mesma familia que os verderolos e que nos visita no inverno procedente do centro e norte de Europa.

Un picaouro ou lúgano comendo sementes nun ameneiro
O picaouro é unha ave invernante na nosa rexión


De pasada escoitamos a voz do picapeixe pero non o conseguimos ver. O que si vimos foron tres lavandeiras reais pousadas en pequenos paos no medio do río, na altura do caneiro de A Tolda.

pasarela de madera que leva a caseto de caneiro na Tolda do río Miño
Caneiro de A Tolda no río Miño en Lugo



E na lagoa rematamos a nosa xornada ornitolóxica, pouco antes de anoitecer. Conseguimos o obxectivo de coñecer  mellor a diversidade de aves que temos tan cerquiña de nós na cidade, falamos dos problemas que ameazan a conservación destas especies, e desfrutamos observando como se comportan no seu medio natural.

E por suposto fixemos un relaxado exercicio físico e charlamos ó mesmo tempo, que non todo é mirar a través dos prismáticos.


Ata a próxima saída !!

sol poñendose detras dunhas arbores no parque de A Tolda
Rematamos a excursión para ver aves un pouquiño antes da posta do sol



Créditos das fotos:
Estreliña riscada: Opaluna via photopin cc
Picafollas común: aigledayres via photopin cc
Ferreiriño rabilongo: franco.baresi via photopin cc
Corvo mariño grande: .Bambo. via photopin cc
Papuxa das amoras: Linton Snapper via photopin cc
Picaouro: tomhouslay via photopin cc

Ven Ver aVes

Xoán Puente

Son guía de Sendeirismo Ornitolóxico. A miña misión é axudar a persoas amantes da natureza a mellorar o seu benestar a través da observación de aves en liberdade . Considero que o contacto coa natureza é vital para o teu desenvolvemento pleno e necesario para que desconectes do estrés da túa vida cotiá

3 comentarios :

  1. Nin que dicir ten que foi unha experiencia magnífica, agradecerche os coñecementos que con tanta naturalidade e entusiasmo nos soubeches transmitir.
    Un pracer compartir contigo esta entretida tarde de avistamento de aves!!

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas Xoán R., o pracer foi meu por atoparme de novo con vós, por ter a oportunidade de intercambiar experiencias e coñecementos e por dar un paseo tan agradable fóra das aulas observando as aves marabillosas que temos tan cerquiña. Un saúdo Xoán, e graciñas polo teu comentario

    ResponderEliminar