venres, 10 de outubro de 2014

Practicando birdwatching en Lugo o Día Mundial das Aves 2014

Como todos os anos, a primeira fin de semana de outubro celebrouse en todo o mundo, promovido por BirdLife International, o Día Mundial das Aves. O obxectivo desta celebración é o de achegar o gran público ó coñecemento das numerosas especies de aves que existen no seu entorno inmediato, coñecer os seus costumes, o seu hábitat, os perigos que as ameazan (destrucción da natureza, tendidos eléctricos, colisións con cristais, caza furtiva, veleno, etc.) e tamén resaltar a importancia da conservación do medio ambiente.

avenoiteira cincenta morta atropelada sobre o asfalto
Moitas aves morren atropeladas polos coches

O estado de conservación das poboacións de aves é un bo indicador sobre o estado de saúde da natureza. De feito é un dos indicadores que emprega a axencia de estatística europea Eurostat para medir o benestar social e canto de sustentables son as nosas actividades.
No noso entorno mais próximo están diminuíndo os efectivos das aves mais comúns ligadas ó mundo agrario, ben sexa nuns casos por intensificación de cultivos como noutros por abandono das actividades agrarias. Incluso especies tan habituais como o pardal ou as anduriñas están sufrindo ese declive nas súas poboacións.
De acordo cos estudos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza, das 10.000 especies de aves que se coñecen no mundo, un 20% están ameazadas e 198 están en Perigo Crítico.

Para esta ocasión realizamos unha ruta gratuíta de sendeirismo para observar aves en Lugo, e tivemos a sorte de que o tempo foi fantástico, un pouquiño de calor e nada de chuvia. Quizais a coincidencia coa festa do San Froilán impedíu que mais xente se animase, pero ata a nosa ruta pola ribeira do Miño achegáronse cinco entusiastas participantes que quixeron desfrutar cunha tranquila sesión de "birdwatching".

plano da ruta para observar aves en Lugo
Percorrido realizado para observar aves en Lugo

Na primeira parte do percorrido visitamos unha pequena carballeira na que desfrutamos mirando as acrobacias que fan, buscando insectos nas árbores, os ferreiriños reais, os ferreiriños negros e tamén os ferreiriños azuis. Tamén fomos quen de distinguir o canto do gabeador común e recreámonos escoitando as numerosas voces e melodía dos paporrubios, e o persistente e agudo son das estreliñas riscadas.
Camiñando a carón da valgada da facultade de Veterinaria, divisamos outras especies que atopan neses prados o lugar idóneo para buscar o seu alimento, como os corvos pequenos, as lavandeiras brancas, os pombos e os merlos.

un pombo pousado no chan
Na ruta observamos preciosos pombos

A parte final do percorrido, pola ribeira do río Miño e parque da Tolda, ofreceunos a posibilidade de observar e/ou escoitar aves como o xílgaro, o tordo común, o ferreiriño rabilongo, a garza real, o lavanco, o corvo mariño grande.

ribeira do rio Miño
Ribeira do Miño camiño do parque da Tolda

Pero as estrelas da xornada foron dous pequenos paxaros característicos de hábitats fluviais: o martiño peixeiro e o merlo rieiro. A presencia destas dúas especies é un indicador da boa calidade das augas.
O primeiro só conseguimos velo fugazmente en dúas ocasións, voando a pouca altura sobre a auga, como unha rápida frecha de cor azul-turquesa.
Pero o segundo ofreceunos longos minutos de observación a escasos metros (nin tan sequera precisabamos os prismáticos), tempo durante o cal miramos como fai o merlo rieiro para capturar debaixo da auga as presas das cales se alimenta (larvas de tricópteros e de coleópteros, moluscos, pequenos peixes e anfibios). Un espectáculo !! E tan cerquiña da cidade !!

merlo rieiro pousado nunha pedra no río
Merlo rieiro preparado para mergullarse na corrente

Ven Ver aVes

Xoán Puente

Son guía de Sendeirismo Ornitolóxico. A miña misión é axudar a persoas amantes da natureza a mellorar o seu benestar a través da observación de aves en liberdade . Considero que o contacto coa natureza é vital para o teu desenvolvemento pleno e necesario para que desconectes do estrés da túa vida cotiá

2 comentarios :

  1. Si que tuvo que ser un buen día, el mirlo acuático ha sido muy buena observación. Saludos.

    ResponderEliminar
  2. Hola Carlos, a mi el mirlo acuático también me parece un pájaro precioso, me puedo pasar un montón de tiempo observando su comportamiento. Por aquí, por el Miño y afluentes, es fácil verlo. Se vé también por tu zona habitual de pajareo ? Un saludo, y gracias por comentar

    ResponderEliminar