mércores, 17 de setembro de 2014

... unha casa de TURISMO RURAL


Es o propietario dunha preciosa casa de turismo rural situada nunha paisaxe marabillosa.


Bosques frondosos de carballos e castiñeiros, un río que refresca os días máis quentes do ano, prados dunha cor verde que fai dano nos ollos se quedas mirando fixamente moito tempo.








E en todos eses lugares sempre escoitas unha música, un coro de paxariños que che gustaría coñecer mellor, saber poñerlles nome.

Porque poñer nome é o primeiro paso para comprender algo e para o inicio dunha boa relación.


Claro que xa coñeces os corvos, as pegas, quizais as lavandeiras, os merlos e os sempre curiosos paporrubios.

un paporrubio pousado sobre un tronco cortado de árbore
O entrañable paporrubio é un cantor fantástico

Pero hai moitos máis que só acertas a dicir que é un paxaro marrón, algo verdoso ... e pouco máis.

Gustaríache saber quen son e por qué son importantes na natureza, cal é a súa función.

Non só por sabelo ti, que ao fin es a persoa que máis tempo pasa nesa paisaxe.


Tamén pola túa familia e os amigos que te visitan.

A observación de aves é unha actividade ideal para coñecer espazos naturais

E tamén polos teus clientes.

Gustaríache saber dicirlles en qué se poden fixar cando pasean polas rutas dos arredores da túa casa, ou simplemente cando están descansando nese marabilloso xardín que tanto agradecen os teus visitantes.


Gustaríache poder animalos a que traian os seus prismáticos na maleta ou quizais telos ti a súa disposición e acompañalos para enriquecer a súa visita.


Para que teñan un aliciente máis e atopen na túa casa un valor engadido que os anime a escollela para pasar o seu tempo de lecer.



¿E qué che ofrezo eu?

Vouche ensinar a recoñecer os paxaros que hai no entorno da túa casa. 

Será un obradoiro de iniciación á observación de aves pero na túa propia "área de campeo".

Non terás que desprazarte a unha ruta das que teño establecidas. Vai ser na túa casa, nas túas propias rutas. Nas rutas polas que podes levar aos teus clientes.

Por suposto que non é só para ti. Tamén para a túa familia, os teus amigos ou incluso para persoal do teu establecemento rural.

Podes formar grupos de 7 persoas como máximo cada un.

Eu vou poñer uns prismáticos de gran calidade óptica para cada participante. Vouvos ensinar a manexalos correctamente e tamén a seleccionar os máis axeitados se é que algún día queredes mercalos.

E tamén poño o material gráfico e sonoro necesario para o recoñecemento das aves.

Ensinareivos a usar as guías de identificación de aves máis apropiadas para que logo practiquedes pola vosa conta, aínda que o mellor é que sigades contando conmigo para aprender máis rápido :))

Con todo iso, e coa miña experiencia, cando rematemos vas ser capaz de identificar e diferenciar máis aves das que imaxinas.

Vaise acabar iso de chamarlle pardal a calquera paxaro !


De JrPol - Trabajo propio, CC BY-SA 4.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=40108812
Non hai paxaro feo, o pardal ten unhas cores discretas pero impresionantes




E vas ver que a observación de aves é unha afección que pode encher moitas horas da túa vida.

E vas descubrir que se lles prestas atención aos paxaros estes vanche regalar escenas espectaculares. Como se fose un documental de natureza deses que poñen en La2 da televisión.

Pero en directo.

Ao mesmo tempo observarás que é unha actividade anti-estrés perfecta.
O tempo que pasas tratando de detectar e observar paxaros é un tempo que pasa sen que sexas consciente dos problemas que te agobian no día a día.

Ademais realizas un agradable exercicio físico que contribúe a manterte en forma.

E se repites vas ver como pouco a pouco mellora a túa capacidade de observación, a túa habilidade para fixarte nos pequenos detalles, como mellora a túa memoria ao tratar de lembrar a quen pertencía ese canto que xa escoitaches noutras ocasións.

En definitiva, vas ver como este divertido pasatempo axuda a mellorar o teu benestar, o da túa familia e amigos, e o dos teus clientes.


Se queres consultarme algo, pódelo facer dándome unha chamada (688 996 333) ou escribíndome un correo (xoan@venveraves.com)


Moitas grazas


Ven Ver aVes

Xoán Puente

Son guía de Sendeirismo Ornitolóxico. A miña misión é axudar a persoas amantes da natureza a mellorar o seu benestar a través da observación de aves en liberdade . Considero que o contacto coa natureza é vital para o teu desenvolvemento pleno e necesario para que desconectes do estrés da túa vida cotiá

0 comentarios :

Publicar un comentario