martes, 16 de setembro de 2014

Sempre paga a pena saír ó campo para observar aves

Como pasa tamén con calquera outra afección, hai días en que parece que tes algo de preguiza para poñerte en marcha e facer aquelo que mais che gusta. Que se estou cansado, que se parece que vai chover, que seguro que vou ver as aves de sempre... 

Pero a miña experiencia dime que é fácil que ese día, xusto ese día que mais che custa arrancar, sexa ó final un día memorable de campo, ben porque ves unha ave nova na túa zona de campeo, ben porque consegues unha foto preciosa, ou observas algunha escena impresionante de comportamento animal, ou mesmo porque atopas algo inesperado. Por exemplo, eu hai unha semana atopaba un cranio de corzo perfectamente limpo e completo, cos seus corniños e mandíbula, que vai formar parte da miña colección de cranios de mamíferos en canto o teña preparado. Mira que teño buscado cornos de corzo no outono, que é a época en que os tiran. E un día, de repente, o par completo. 

Pois onte foi un deses días. Visitei unha das miñas zonas habituais de "paxareo", a vertente sur da Serra do Páramo. E alí estiven observando aves rapaces como tantas outras veces. Só que onte parecía que andaban un pouco "guerrilleiras".

paisaxe de campiña na vertente sur da serra do paramo
Paisaxe de campiña na vertente sur da Serra do Páramo

Mentres miraba os lagarteiros comúns (Falco tinnunculus) "colgándose" do aire axexando as súas posibles presas sobre o que eu teño bautizado como "o monte dos lagarteiros" (por certo, que xa non vin o lagarteiro das torres que os acompañaba o mes pasado), apareceu de súpeto un gabián (Accipiter nisus) que con moita violencia ía molestando un a un ós cinco lagarteiros que trataban de cazar algún grilo ou saltón para o almorzo. A verdade é que impresionaba ver os picados que facía o gabián sobre un lagarteiro e a posterior escaramuza aérea na que se enredaban.

lagarteiro comun voando en busca de presas
Lagarteiro común

gabian voando nunha ruta para ver aves
Gabián

E así estivo molestando a todos eles ata que cansou e marchou voando alto cara o norte, cara a capela do San Marco. 

Tamén eu tomei o mesmo rumbo e ó chegar ó Chan de San Marco divisei sete miñatos comúns (Buteo buteo) planeando en círculos aproveitando unha corrente térmica ascendente. Xa levaba varios minutos observándoos cando apareceu maxestuosa unha águia cobreira (Circaetus gallicus) a carón da cal os miñatos parecían "pitufos". 

miñato comun voando nunha ruta para ver aves
Miñato común

E parece que a estes tampouco lles agradou a visita que tamén comezaron a molestar á cobreira. E esta, así como cun pouco de desdén, apartábase pero nin se molestaba en responderlles. Ela ó seu, tamén espreitando dende o alto, deixando colgar as súas patas e cabeza e sen darlle mais importancia ós seus molestos viciños.

aguia cobreira buscando presas dende o aire
Águia cobreira

E así estiven un pouco de tempo disfrutando dos planeos da cobreira ata que a chuvia nos espantou a ela, a min e tamén ós miñatos que voaron rápidos para buscar refuxio nunha carballeira ou nun piñeiral das proximidades. 


Sempre que saes ó campo descobres algo novo, seguro. E se non é así, ó final tamén quedas satisfeito por ter pasado un día ó aire libre, facendo un exercicio tranquilo, camiñando sen estrés
O que tamén é seguro é que se te quedas na casa non vas disfrutar de ningunha desas cousas. 

Veña. 
Sae ó campo. 
Xa sabes, Ven Ver aVes !!




Créditos das fotos:
Lagarteiro común:Smudge 9000 via photopin cc
Gabián: Sergey Yeliseev via photopin cc
Miñato común: Agustín Povedano via photopin cc
Águia cobreira: Philippe Garcelon via photopin cc

Ven Ver aVes

Xoán Puente

Son guía de Sendeirismo Ornitolóxico. A miña misión é axudar a persoas amantes da natureza a mellorar o seu benestar a través da observación de aves en liberdade . Considero que o contacto coa natureza é vital para o teu desenvolvemento pleno e necesario para que desconectes do estrés da túa vida cotiá

0 comentarios :

Publicar un comentario