sábado, 24 de maio de 2014

Observando aves rapaces na serra do Páramo

O pasado 11 de maio celebramos cuns amigos o Día Mundial das Aves Migratorias percorrendo unha parte da nosa ruta para ver aves na Serra do Páramo
vista panoramica dende a capela do san marco na serra do paramo
Campiña vista dende a capela do San Marco

No tramo da ruta que denominamos "a campiña" (terreos cercados onde pastan vacas e tamén ovellas), na vertente sur da serra, fomos quen de identificar e observar o comportamento de numerosos paxaros que andaban moi atarefados marcando territorios ou capturando presas para os seus polos, tales como os chascos, os trigueiróns, as papuxas comúns, as lavercas, as picas das árbores, e outros propios destes espazos abertos e con sebes de silveiras e árbores espalladas como bidueiras, carballos e salgueiros
pica das arbores pousada nun carballo
Pica das árbores (Anthus trivialis)

Pero o mais interesante agardábanos na subida cara a capela do San Marco. Era mediodía, o sol quentaba bastante, e había xa unhas correntes térmicas que permitían o planeo das aves rapaces. E así nun momento determinado xuntáronse en moi pouco espazo unha águia cobreira, un par de miñatos comúns, tamén dous miñatos negros. Ademais destas rapaces tamén había unha parella de tartarañas cincentas, co macho facendo unha exhibición de voo para impresionar a súa compañeira
macho de tartaraña cincenta pousado nun pao
Tartaraña cincenta (Circus pygargus)

E un pouquiño mais adiante, na zona do Chao de San Marco (820 metros de altitude) detivémonos para observar outra ave de rapina, o lagarteiro ou tecelán, mentres trataba de capturar unha presa nun pasto de monte
lagarteiro sobrevoando o chao de san marco
Lagarteiro común (Falco tinnunculus)

Pero non todo foi agradable nesta ruta na que disfrutamos dunha interesante variedade de aves rapaces. Tamén atopamos este teixugo ou porco teixo morto na cuneta dunha das pistas da campiña, probablemente atropelado por algún vehículo
teixugo morto atropelado nunha pista da campiña
Teixugo (Meles meles)


vaca nun cercado da campiña da serra do paramo
Vaca rubia practicando o "human-watching" na zona baixa da campiña

Ven Ver aVes

Xoán Puente

Son guía de Sendeirismo Ornitolóxico. A miña misión é axudar a persoas amantes da natureza a mellorar o seu benestar a través da observación de aves en liberdade . Considero que o contacto coa natureza é vital para o teu desenvolvemento pleno e necesario para que desconectes do estrés da túa vida cotiá

0 comentarios :

Publicar un comentario