martes, 17 de xuño de 2014

A planta "vampiro"

exemplar de crista de galo rhinanthus minor
Rhinanthus minor, a planta vampiro

Neste mes de maio puidemos observar xa en todas as nosas rutas para ver aves unha planta chamativa polo amarelo intenso das súas flores. Chámanlle en galego "crista de galo, herba cascabel, cascabeles"; en castelán, "cresta de gallo, gallitos"; en inglés, "yellow rattle, hay rattle". Todos estes nomes aluden a algunhas das súas características morfolóxicas

flores de rhinanthus minor
Flores, cáliz globoso e follas dentadas da crista de galo

Nas fotos vemos que as súas follas son dentadas como a crista dun galo. Incluso o seu nome científico (Rhinanthus minor) tamén se refire á forma das súas flores, xa que o termo xenérico latino Rhinanthus significa "flor de nariz".

Para entender os outros nomes teremos que agardar a que maduren as sementes, momento no cal o cáliz no que quedarán pechadas toma unha consistencia papirácea e ó rozar a planta escoitaremos como as sementes fan ruído no seu interior, como un axóuxere ("rattle"= cascabel ou axóuxere).

E o nome de planta vampiro? A qué vén iso? Pois resulta que a crista de galo é unha planta hemiparásita, o cal quere dicir que ten capacidade fotosintética pero ó mesmo tempo tamén "ataca" a outras plantas ás que convirte nas súas presas. Emite unhas raíces que penetran as raíces das herbas e de leguminosas coma os trevos, e toma delas nutrientes (auga + sales minerais), co cal disminúe o crecemento e a fortaleza destas. Por isto é unha planta desprezable para os gandeiros xa que reduce a produtividade dos seus pastos.

Agora ben, esta facultade da planta é valorada e empregada en certas actuacións de xardinería ecolóxica, cando se trata de abater o vigor dunha pradeira de gramíneas para substituila por outra pradeira rica en flores silvestres. A acción do Rhinanthus vai provocando a aparición de claros desprovistos de gramíneas nos que poden así medrar outras plantas con flores que doutro xeito serían asoballadas polas herbas e non terían oportunidade de prosperar. Ademais as flores da crista de galo producen néctar abundante e resultan moi atractivas para os abesouros que as polinizan ó visitalas.

Estes son os segredos de Rhinanthus minor, unha planta atractiva e inocente por encima do solo pero unha verdadeira ladroa ou vampira subterránea.

Ven Ver aVes

Xoán Puente

Son guía de Sendeirismo Ornitolóxico. A miña misión é axudar a persoas amantes da natureza a mellorar o seu benestar a través da observación de aves en liberdade . Considero que o contacto coa natureza é vital para o teu desenvolvemento pleno e necesario para que desconectes do estrés da túa vida cotiá

0 comentarios :

Publicar un comentario