Mellora o teu benestar observando aves

Ensínoche a coñecer as aves que "poñen a música" na nosa paisaxe e axúdoche a mellorar a calidade dos teus momentos de lecer camiñando por espazos naturais

• Unha figura que representa unha cegoña de pé

Descubre as aves silvestres

Ven Ver aVes é unha invitación para que te inicies na práctica do " birdwatching " ou observación de aves en libertade e descubras un mundo fascinante de cores, sons e comportamentos espectaculares

• Unha paisaxe con sol nun ceo azul sobre montañas verdes

Reconecta coa Natureza

Camiñando por bosques de ribeira, por montes, campiñas e carballeiras, coñecendo a función das aves neses ecosistemas , sentirás que estás de novo conectado coa Natureza

• Unha figura de cara sorrindo e corazón que representan felicidade e benestar

Mellora o teu benestar

Esquecendo o estrés do día a día, camiñando a un ritmo sinxelo, exercitando a túa capacidade de observación e memoria , conseguirás aumentar a túa sensación de benestar

• ¿Qué ofrece Ven Ver aVes a ...?

¿QUERES QUE CHE AXUDE A MELLORAR O TEU BENESTAR?

Se estás interesada/o en mellorar o teu benestar practicando a observación de aves camiñando pola natureza, chámame ou envíame un correo

688 996 333
xoan@venveraves.com

As miñas historias

xoves, 16 de marzo de 2017

Y volvieron las oscuras golondrinas...

¡ Qué alegría ! Esta semana volveron as andoriñas á aldea.
Non é unha sorpresa, todos os anos o fan, pero para min non deixa de ser un acontecemento precioso e moi esperado.
Xa na antiga Grecia se consideraban mensaxeiras da primavera.
Nesta época os campos e montes están cheos de cantos de paxaros, pero os sons das anduriñas (tui-tui-tui) sobrevoándote en bandada son algo especial.

andoriña voando baixo sobre un prado
As andoriñas cando cazan insectos adoitan voar bastante baixo

O título fai referencia aos coñecidos versos de Bécquer "Volverán las oscuras golondrinas de tu balcón sus nidos a colgar...".
O curioso é que posiblemente as andoriñas ás que se refería o poeta non eran estas.

¿E iso?

As andoriñas comúns (Hirundo rustica) fan o seu niño habitualmente no interior de cuadras, palleiras, naves de gando. De feito, en inglés chámanlle "barn swallow" , ou sexa, a anduriña das cuadras ou das palleiras.
O niño é como unha cunca, aberto por riba, feito de pegotes de lama e herbas mesturadas, e está apoiado sobre algunha estructura (unha trabe, un tubo da luz ou da calefacción, etc.)

niño de andoriña común con adulto e polos
O interior dun garaxe tamén serve para criar unha fermosa rolada

Os paxaros que fan uns niños semellantes aos de anduriña común pero no exterior, baixo os balcóns ou nas cornixas das casas, son as andoriñas de cú branco (Delichon urbicum), o que se chama "avión común" en castelán.

tres andoriñas de cú branco voando sobre auga e collendo pegotes de lama
Andoriñas de cú branco collendo pegotes de lama para facer o niño
O niño da andoriña de cú branco non é aberto por riba, está pegado a un teito, e só deixa unha pequena abertura de servizo.
E estes eran os que vía o poeta. Bécquer escribía ben, e era observador, pero non era ornitólogo.

niño de andoriña de cú branco baixo unha cornixa de madeira
Este é un niño de andoriña de cú branco
A verdade é que o costume da andoriña común de aniñar nas nosas construccións fixo que se extendera xunto coas poboacións humanas, ata o punto de converterse na especie de anduriña con máis ampla distribución de todas as especies de andoriñas que existen (máis de 80 especies na familia das andoriñas, os Hirundinidae)

O azul é a área de invernada e o amarelo a zona de reproducción

A andoriña é unha "máquina" de devorar insectos.
Esa cola longa que ten axúdalle a facer unhas maniobras áxiles e rápidas para capturar as súas presas (moscas, mosquitos, pulgóns, formigas voadoras, avespas, chinches, pequenos escarabellos) que caza voando relativamente baixo en áreas abertas (prados, matos, cultivos, superficie de ríos e lagoas).

unha andoriña común pousada e coa boca amplamente aberta
A andoriña actúa como insecticida biolóxico

O seu pequeno peteiro dá paso a unha enorme boca que constitúe un "atrapa-insectos" perfecto.
Unha soa andoriña captura uns 60 insectos por hora, o cal fai uns 150 gramos por día. E iso ao final do ano supón uns ¡¡55 quilogramos!! de insectos consumidos.
Vaia, un auténtico insecticida biolóxico.
Gratis.
Imaxina o valor que tería iso se tivésemos que pagar por esa función.

A cola non só é importante para as maniobras aéreas da andoriña.
As femias prefiren aparearse con aqueles machos que teñen as plumas longas da cola máis grandes e máis simétricas.
Esas características, lonxitude e simetría, parecen ser indicadores da saúde e do estado de forma dun individuo.

O feito de que se alimente de insectos fai que sexa ben vista pola xente. As supersticións que existen en diferentes culturas arredor deste paxaro e dos seus niños foron elaboradas para a protección desa función "insecticida".

Nas aldeas dinche que os niños de andoriña "non se poden desfacer" porque "trae mala sorte".
Xa o di o refrán, "Amigo polo seu proveito, andoriñas no teito".
No respecto por esta ave tamén se mestura a relixión, porque tamén che din que é un paxaro que lle quitou a coroa de espiñas ao Noso Señor, daí a cor vermella da su gorxa.
Nas Illas Británicas existe a crenza rural de que destruir os niños nunha corte vai facer que as vacas deixen de dar leite, ou que van dar leite con sangue, ou que as pitas deixen de poñer ovos.

Xa na antiga Roma era ilegal matalas, recoñecíase o seu valor de consumidor de insectos e o beneficio que iso tiña para os agricultores.
Tamén axudaba que os romanos identificaron as andoriñas cos seus deuses protectores do fogar (os deuses Penates), e claro, ninguén quería ofender aos deuses facéndolle mal á súa representación.

En épocas máis recentes, no século XIX, as andoriñas eran unha das especies usadas para fornecer de plumas vistosas á próspera industria dos toucados e sombreiros, principalmente de señoras.

sombreiros e toucados de muller con plumas de aves
Algúns toucados incluso levaban paxaros completos

As plumas negras brillantes do lombo e as longas plumas da cola eran moi apreciadas.
Cazábanse miles de individuos, non só de andoriñas senón tamén de garzas, garzotas e outras especies que tiñan algunha pluma destacada e vistosa, tan só para satisfacer as ansias diferenciadoras das clases altas da sociedade.
En Norteamérica matábanse 5 millóns de aves silvestres cada ano para estes fins.
No ano 1886 un ornitólogo estadounidense foi capaz de identificar 37 especies diferentes de aves cuxas plumas, alas, colas, cabezas ou corpos enteiros adornaban os sombreiros de señoras que paseaban por Manhattan, o centro da moda naquela época.
E resulta que a oposición a esa matanza de andoriñas e outros paxaros conducíu á creación, a finais do século XIX, das primeiras sociedades para a conservación da Natureza nos Estados Unidos de América. A primeira Sociedade Audubon fundouse no 1886 para protexer as aves silvestres contra a industria dos tocados.
Hoxe en día, a Sociedade Audubon  aínda se dedica á conservación das aves, da vida silvestre e dos ecosistemas.

Por sorte, hoxe non se cazan aves silvestres para estas cousas. Porén, a andoriña actualmente afronta outros problemas:

• o uso indiscriminado de plaguicidas que disminúe os insectos disponibles
• a destrucción dos niños porque ensucian
• a dificultade para aniñar nas novas construccións rurais
• o abandono da zona rural que conleva a ruina de moitas edificacións
• a destrucción do hábitat nos seus lugares tropicais de invernada

Protagonistas do folclore popular e lendas relixiosas.
Representación da liberdade e da esperanza, e tamén da nostalxia.
Protectoras do fogar.
Aliados insecticidas dos nosos cultivos e gando.

Todas estas son moi boas razóns para respectar e admirar a andoriña común.

adulto de andoriña alimentando a un polo sobre un cable
Voadora incansable, a andoriña común apenas se pousa para alimentar os polos

"Cando as doces anduriñas,
baixo un aleiro pousadas,
descansan do seu camiño,
en busca da ardente África;
as amantes viaxeiras,
co pico baixo da ala,
naquel garrido silencio,
¿en qué pensan?-na súa patria"

Pondal, Queixumes dos pinos

Créditos das fotos:
Andoriña común voando: Dan Bowes swallow in flight via photopin (license)
Niño de andoriña común: dhobern Hirundo rustica via photopin (license)
Andoriñas de cú branco voando: ajmatthehiddenhouse 123076-IMG_2253 House Martins (Delichon urbica) via photopin (license)
Niño de andoriña de cú branco: ajmatthehiddenhouse 123076-IMG_2911 House Martin (Delichon urbica) Nest via photopin (license)
Mapa distribución da andoriña común:
Andoriña común pousada: By Charlesjsharp - Own work, from Sharp Photography, CC BY-SA 4.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=38704934
Sombreiros de época victoriana: Shorpy Historical Photo Archive :: Sisters: 1895. Victorian Millinery
Andoriña adulta alimentando a un polo: Deanster1983 who's mostly off for a while a href=httpwww.flickr.comphotos33465428@N0228911875631Swallows (Hirundo rustica), juvenile being fed by parenta via a href=httpphotopin.comphotopina a href=httpscreativecommons.orglicensesby-nd2.0(license)a

luns, 28 de decembro de 2015

Aquí está a ave que che fará sorrir durante os teus paseos no inverno de Lugo

Pois si. Unha ave que che vai facer sorrir.

E coa que está caendo, que estamos todos agobiados coa crise, coa política,... Parece un bo plan, que alguén ou algo nos saque un sorriso.

E en Lugo, que co frío que fai....como para sorrir e que se che conxelen os dentes ou a língua. Aínda que este ano a cousa está un pouco diferente, non acaba de chegar o inverno.

Ben, imos á ave, que é o que interesa. Trátase da cerceta común.

A min o que me pasa é que sempre que as vexo (en plural porque é raro ver unha soa, sempre hai un grupiño delas) debúxaseme un sorriso na cara. Mirar un pouco para elas xa me alegra o día.

E iso?
Pois verás, a cerceta común é un pequeno parrulo que polas súas cores e polos seus rápidos movementos dun lado para outro na auga sempre me lembrou a un patiño de goma movéndose na bañeira ou aos patiños dos debuxos animados

infografía de cerceta común con características diferenciadoras de machos e femias
É moi fácil diferenciar os machos e as femias de cerceta común

Como podes ver na infografía, a cerceta leva por nome científico Anas crecca.

Foi o coñecido Linneo quen lle deu nome e a describíu científicamente alá por mediados do século XVIII.

E ese nome "crecca" que lle deu é unha onomatopea que ven significar algo así como "pato que fai cric", cousa que podes comprobar neste audio

A esta cerceta tamén lle chaman nalgúns lugares de Galicia "charneco" e "parreco"

¿Que onde as podes ver aquí en Lugo?

Ben, as cercetas son parrulos. Entón vas ter que baixar ao río. E na pequena "lagoa" que hai na Tolda, xusto onde o río Rato desauga no Miño, alí é onde se concentran as pequenas cercetas.

Un consello: a cerceta é un pato bastante activo no anoitecer, polo que se te achegas á Tolda cando está caendo a noite vas poder admirar o seu comportamento, as súas voces, como buscan alimento incansablemente entre a vexetación e a lama das beiras, como pelexan as veces algúns machos.
Ademais, ese momento do luscofusco é moi bo para escoitar a sinfonía de cantos de todos os paxaros que hai na zona.

martes, 1 de decembro de 2015

Un paxaro diurno que podes escoitar nas noites de outono en Lugo

Aínda que estamos afeitos a ver aves durante o día, tamén pola noite se pode detectar a presencia dalgunha delas na cidade de Lugo.

Non é difícil escoitar a avelaiona nalgunha das carballeiras engulidas pola cidade na súa expansión cara o río Miño, ou algunha avenoiteira emitindo o seu incansable reclamo nas noites calorosas do verán.

Pero nesta ocasión vouche presentar unha ave diurna que eu escoito con frecuencia nas noites do mes de novembro mentres se despraza en bandadas durante a migración que realiza para pasar o inverno nas zonas menos frías de Europa.

Trátase do Tordo rubio, un paxaro da mesma familia que os tan familiares merlos.
O de rubio venlle pola mancha desa cor que ten na parte inferior das alas e nos flancos. Esa mesma cor dalle nome noutras línguas como Zorzal alirrojo, Tord ala-roig, Tordo-ruivo, Redwing, Rotdrossel ...

Durante o día pódelo observar comendo miñocas nos campos abertos que hai no parque da Tolda, na beira do Miño, e de noite escoitase, se o barullo dos coches o permite, como un suave "siiiip" que soa por riba de ti no medio do ceo escuro.

Unha infografía do tordo rubio ou zorzal alirrojo
O tordo rubio é un visitante invernal en Lugo

Infografía VenVeraVes sobre foto de: «Redwing Turdus iliacus» por Andreas Trepte - Trabajo propio. Disponible bajo la licencia CC BY-SA 2.5 vía Wikimedia Commons.

mércores, 18 de novembro de 2015

Unha pequena ave invernal que debuxa acrobacias nas árbores

Dende este mes de novembro ata o comezo da primavera podes observar nos campos o pincaouro ou úbalo, un pequeno paxaro da familia dos frinxílidos (a mesma que inclúe outras aves ben coñecidas coma o xílgaro ou o canario).

Infografía sobre o úbalo onde se ven as diferencias entre ambos sexos
Características do úbalo e diferencias entre sexos

Este úbalo é un verdadeiro acróbata que se pendura cabeza abaixo das pequenas piñas de ameneiro e bidueira para extraer as sementes con ese peteiro longo e puntiagudo especializado nese labor.

Unha parella de pincaouros ou úbalos están comendo sementes das piñas dunha bidueira
Macho e femia de úbalo comendo as súas sementes favoritas durante o inverno

Se paseas pola beira do Miño, polo parque da Tolda ou incluso polo parque de Rosalía, todo isto na cidade de Lugo, podes ver algún individuo ou con sorte algunha bandada de varias ducias destes paxariños.

Non é un gran coñecido polo público xeral, a diferencia de aves como o paporrubio ou o merlo.

Aínda así recibe nomes variados no noso territorio, como o de pincaouro (por esas "pincas" ou pintas de cor amarela nas alas), úbalo (moi semellante á denominación de úvalo que lle dan en Asturias), tamén lle dín verdín (aínda que en Lugo tamén teño escoitado este nome para outra especie próxima, o xirín), ou o nome castelán lúgano.

Créditos:
Infografía: venveraves.com sobre fotos de Slawek Staszczuk
Parella de úbalos alimentándose nunha árbore: Siskins via photopin cc

mércores, 30 de setembro de 2015

Celebra o Día das Aves 2015 en Sarria e Lugo

Todos nós, ti tamén, cruzámonos a diario con distintas especies de aves, nas nosas actividades na cidade ou na vila, traballando no campo, cando imos conducindo, cando estamos de vacacións,...

Pero a pesar desa convivencia, ou precisamente a causa dela, as aves son moi descoñecidas para a maioría das persoas. Xa sabes, moitas veces non reparamos nas cousas habituais ..... ata que desaparecen.

Para axudar a darlles visibilidade ás aves e de paso coñecer os problemas que as ameazan, celébrase cada ano o Día das Aves na primeira fin de semana de outubro.

Cartel anunciando unha camiñada ornitolóxica en Sarria e Lugo para celebrar o día mundial das aves 2015

Pero tamén se trata de que ti o pases ben descubrindo esa gran variedade de aves que viven preto da túa casa. Hai moitas máis cousas á parte de pombas, corvos, pardais e pegas.

E esta fin de semana é unha boa oportunidade para que o comprobes.

Unha estreliña riscada ou reyezuelo listado pousado nunha pequena póla
Nos parques das cidades podes observar un dos paxaros máis pequenos de Europa, a estreliña riscada

Se vives na cidade de Lugo (3 de outubro) ou na vila de Sarria (4 de outubro), terás oportunidade de acompañarnos nun percorrido guiado no que vas descubrir un fascinante mundo de cores, de sons, de comportamentos, de nomes sonoros, que fará que desde ese momento percibas os entornos urbanos de distinta maneira.

Faremos unha saudable camiñada de baixo esforzo físico, entre 3 e 4 quilómetros, a partir das 9.30 horas, na que veremos e escoitaremos aquelas aves que saian ó noso camiño.

Trata de traer os teus propios prismáticos aínda que sen eles tamén podes facer moi boas observacións.

Vente preparado con roupa e calzado axeitados porque, aínda que estes días están bós, parece que algo cambia o tempo para a fin de semana.

Ven descubrir a biodiversidade que vive contigo e as razóns para conservala

Porque queremos unhas zonas urbanas máis verdes,

Logo tipo de Ven Ver aVes, senderismo ornitolóxico e interpretación ambiental

venres, 20 de febreiro de 2015

Rabirrubio, xirín, lavandeira real, bilurico das rochas e máis aves en Lugo

Estes nomes tan fantásticos son os dalgúns dos paxaros que avistamos na última ruta para ver aves en Lugo que fixemos cos alumnos de Cuarto Ciclo da Universidade de Santiago

Grupo de alumnos de Cuarto Ciclo observando aves con prismáticos no río Miño en Lugo
Grupo de alumnos de Cuarto Ciclo observando aves na beira do río Miño en Lugo

Desta vez, no inicio do percorrido, na carballeira do Campus, non había tanto movemento como en anteriores rutas.  É o que ten a observación de aves, que non están sempre cando queremos.

As aves que si estaban, e xa os vimos dende o principio, eran os pombos. Estivemos escoitando durante un tempo a súa canción característica. Estes días, noutros lugares de Lugo xa teño visto o peculiar voo do macho que anuncia a inminencia do período reproductor: uns fortes e sonoros aleteos que o impulsan cara o alto nunha parábola, logo deixa de bater as alas e cae planeando coas alas cara arriba.

Pouco a pouco na carballeira e nos seus bordes xa fomos vendo as pequenas aves que sempre son un pouco máis difíciles de identificar para os principiantes do "birdwatching": os ferreiriños azuis, rabilongos e comúns.

Tamén nun tellado apareceu un pequeno paxaro grisáceo que non tivemos a sorte de observar nos outros dous grupos do Cuarto Ciclo: trátase do curroxo ou rabirrubio. A súa posición a contraluz dificultaba a súa identificación. Pero aí démonos conta do importante que é movernos con coidado para que detrás do paxaro observado coincida un fondo oscuro (neste caso un tronco de castiñeiro) o cal nos vai facilitar a observación. Procedendo así, e xunto coa paciencia que tivo o paxaro que aguantou un montón de tempo con nós a escasos 20 metros, puidemos ver a cor laranxa da súa cola que facía vibrar de xeito nervioso, e xa nos confirmou que se trataba dunha femia desa especie.

Rabirrubio común femia pousado sobre unha pedra
A femia de rabirrubio é de cor parda-grisácea e coa cola laranxa

Na parte alta da valgada tratamos de perseguir cos prismáticos a unhas estreliñas riscadas que se escondían entre as follas dos cedros e tamén andaba por alí o pequeno carrizo.

Pero a alegría do día foi ver o precioso xirín (ou verdín, como xa teño escoitado en varias ocasións en Lugo), e escoitar o seu vibrante e musical canto que xa anuncia a primavera. Este é o máis pequeno dos frinxílidos, familia de paxaros que inclúe outras especies como o verderolo, o pimpín, o xílgaro ou o picaouro que vimos o outro día.

Un xirín cantando sobre unha pequena póla
Xirín ou verdín cantando sobre unha póla

No río miramos como sempre para os lavancos, os  corvos mariños e as garzas, algunha delas máis confiada que de costume o cal nos permitíu observala con máis calma.

A última hora da tarde, o escenario musical de aves estaba dominado polo paporrubio e polo tordo común.

Se escoitaches esta grabación da canción do tordo común, podes fixarte que no segundo 38 e no 1 minuto e 20 segundos irrumpe o canto explosivo doutro paxaro que tamén fomos capaces de detectar esta tarde na beira do río Miño, pero que non conseguimos ver porque case sempre se oculta na vexetación da ribeira. Trátase do rousinol bravo. Volve escoitar a grabación xa verás como é inconfundible.

Un rousinol bravo pousado nunha póla dun arbusto
Pardo-rubio nas partes superiores e unha cella pálida son características identificativas do rousinol bravo

No final da ruta, onde o Rato desemboca no caneiro da Tolda, puidemos ver varias lavandeiras reais, tan elegantes co seu corpo cincento e amarelo.

Unha lavandeira real no chan entre as herbas
O hábitat da lavandeira real é un espazo aberto ligado a ríos

E tamén, a tres metros de nós, un tranquilo bilurico das rochas, picoteaba comida entre as herbas na beira da auga.

Un bilurico das rochas camiñando no fango
Bilurico das rochas ou bilurico bailón

Rematamos a xornada cunha foto do fantástico grupo que hoxe me tocou de introducir á afección da observación de aves.

Grupo de alumnos de Cuarto Ciclo na Tolda do Miño
Parece que rematamos contentos a excursión para ver aves

Foron case que tres horas de ameno paseo e charla, con numerosas preguntas porque todos temos algunha que outra experiencia ou anécdota relacionada co mundo das aves.

O mellor de todo é que con esta sinxela actividade na natureza algúns dos participantes descubriron que observar aves silvestres, no seu medio natural, como por exemplo os lavancos, é moi diferente e moito máis divertido que ver os patos que hai nos estanques dos parques das cidades. Ou que se prestamos un pouquiño de atención somos capaces de distinguir moitos cantos de aves e moitas outras cousas naturais fermosas que normalmente nos pasan desapercibidas porque camiñamos sen atender á natureza que nos acompaña.

Xirín: Verdecillo via photopin cc
Rousinol bravo: Cetti's Warbler - Cettia cetti via photopin cc
Lavandeira real: Winter Friend via photopin cc
Bilurico das rochas: Walking via photopin cc

luns, 9 de febreiro de 2015

Aves e unha sorpresa en Lugo

Nesta nova excursión con alumnos de Cuarto Ciclo da Universidade de Santiago ós que introducimos na arte do "birdwatching" ou observación de aves silvestres, tivemos a sorte de ver algo máis que aves: unha lontra que nos sorprendía cando estabamos na beira do río, facendo cabriolas na auga ben cerquiña de nós.

Unha lontra na beira do río
A lontra é un mamífero precioso que podemos observar en Lugo

Pero iso ímolo contar máis adiante.
Nesta saída á ruta para observar aves en Lugo comezamos como sempre por aprender a adaptar os prismáticos á visión de cada un, para poder ter unha experiencia satisfactoria de observación de aves. E para practicar prestóusenos moi ben unha lavandeira branca que andaba entre os coches do aparcamento.
Metidos xa na carballeira conseguimos ver pombos e pegas, estas últimas xa andan tomando medidas para os seus niños na parte máis alta das árbores.

"Es máis inquedo que a cola dunha pega"

Deste dito lembrouse Conchita cando víu o rápido que se desprazaba unha pega no chan, movendo continuamente a súa cola produto da excitación da busca de comida e da nosa presenza tamén.
Os merloscomo sempre, rebuscando miñocas entre as follas caídas no chan. Puidemos facer unha boa observación deles e aprendemos a diferenciar os machos das femias pola cor da súa plumaxe e do seu peteiro.

Un merlo macho pousado nunha barandilla
Este merlo con plumaxe de cor negra acibeche é un macho

Estabamos atendendo ós merlos cando chegou un ferreiriño azul que non paraba de moverse buscando insectos nas grietas da corteza das árbores, entre os musgos e liques que tapizan os troncos e pólas. Ademáis moitas veces estaba a contraluz e aí o noso ollo non é capaz de percibir as cores, só vemos a silueta e iso dificulta a identificación. Finalmente conseguimos ver o amarelo das partes ventrais e o azul cobalto brillante da súa cabeza e así quedounos claro de que paxariño se trataba.

¡ A observación e identificación de pequenos paxaros nas copas das árbores é máis difícil que a de merlos e pombos no chan !

Un ferreiriño azul pousado sobre unha póla
O ferreiriño azul ten un peteiro diminuto e un capirote azul cobalto

A continuación apareceu un gabeador común, é como un ratiño que comeza a subir por un tronco de carballo, dende a súa base desprázase cara arriba en espiral, o cal dificulta a súa observación. A contraluz puidemoslle ver o peteiro longo e curvado identificativo desta ave insectívora que tamén busca comida incansablemente sobre os troncos.

Un gabeador común sube por un tronco dunha árbore
Gabeador común "gabeando" por un tronco apoiándose nas plumas da súa cola

Houbo un momento en que non dabamos atendido a tanto paxaro, porque a este gabeador xuntáronse uns paporrubios, unhas estreliñas riscadas, uns pombos e tamén un par de ferreiriños rabilongos. Estes últimos buscan a súa comida nas puntiñas das pólas das árbores, onde están as xemas, e de vez en cando fan unha pequena acrobacia no aire para capturar algún pequeno insecto voador que nós non somos capaces de ver.
Tamén apareceu o ferreiriño común, que Carmen describíu como un paxariño que leva unha gravata negra, e como podes ver na foto acertou moi ben coa súa descrición.

Un ferreiriño común pousado na póla dunha árbore
Cabeza negra, cara branca, peito amarelo con gravata negra...non hai dúbida, é un ferreiriño común

"Pola Candelaria casan os paxariños"

Así nos lembrou Carmen a proximidade do 2 de febreiro, día da Candelaria, en que segundo as tradicións populares os paxariños emparellan e prepáranse para criar.
Dende a pasarela estivemos observando aves como os lavancos, os corvos pequenos e tamén a lavandeira real.
Xa na beira do río, escoitamos o chasquido característico da papuxa das amoras, escondida ela nas hedras que cobren os troncos das árbores. Este sonido é unha voz de alarma que emite cando detecta unha posible ameaza, e nós, aínda que non queiramos, somos iso para ela.

Dende a beira estabamos a mirar para os corvos mariños descansando nas árbores cando a uns 30 metros de nós unha onda extraña na auga púxonos en alerta, prestamos atención e de repente...... ¡apareceu a lontra!
A verdade é que foi unha observación fugaz, uns 10 segundos, pero alí estaba.
Afastouse buceando e xa non a vimos máis.
A presenza deste mamífero carnívoro considérase tradicionalmente como un indicador dunha boa calidade da auga, feito que aquí en Lugo tamén se ve reforzado pola presenza de aves como o merlo rieiro e o picapeixe.
A seguinte ave que conseguimos observar foi unha garza real, pero esta é bastante asustadiza e marchou voando antes de que a puideramos ver con calma.

Unha garza real na beira dun río
A garza real é unha ave que caza peixes e rás na beira do río

Con pouca luz e xa cerca do final da ruta, vimos unha parella de patos mandaríns, na outra beira do río, inmóbiles e tratando de pasar desapercibidos, tarea case que imposible para o macho con esa plumaxe tan bonita e colorida.

Unha parella de patos mandaríns
Femia e macho de pato mandarín

Rematada a ruta como sempre na desembocadura do río Rato, volvemos con calma e fomos falando de como os nenos antes vivían máis en contacto coa natureza e coñecíana mellor.
Así Carmen contábanos como de pequena recoñecía moitos paxaros e sabía onde aniñaban e como eran os niños dun paxaro ou doutro. Explicounos que o carrizo fai un niño globoso, con musgos e liques, con un buratiño para entrar, e que os nenos antes de meter a man para coller os ovos (si, en zonas rurais algunhas niñadas caían víctimas dos cativos) primeiro metían un pao non fose que estivese dentro a delonciña, á que lle gustaba moito comer os ovos dos paxaros.

A actividade desta tarde fíxonos retornar ó pasado, a unha nenez na que viviamos máis proximos á natureza.
Unha actividade sinxela e divertida como a observación de aves é capaz de levarnos a outros tempos e de descubrirnos recordos que estaban almacenados e perdidos nalgún lugar da nosa memoria.

Dúas mulleres observando aves con prismáticos na beira do Miño
Observando aves na ribeira do Miño en Lugo

Créditos das fotos:
Lontra: pensive lutra via photopin cc
Ferreiriño azul: blue tit via photopin cc
Gabeador común: Grimpereau des jardins 3 via photopin cc
Ferreiriño común: IMG_0694 via photopin cc
Garza real: garza real 03 - grey heron (pose) via photopin cc